Lenda do Urco

Ilustración do Urco entre as algas

Din que o Urco xorde do mar como presaxio de morte.
Nós escoitamos o seu ouveo:
un sinal do que se perde, do que se esquece, do que xa non se ve baixo as ondas.
Pero decidimos seguir o seu ronsel.
Non para temerlle, senón para actuar.
Para restaurar o que un día floreceu,
e protexer o que aínda sobrevive das fragas do mar.
Mergullamos,
habitamos o litoral,
e tentamos devolverlle voz ao océano.
Ronsel do Urco.
O ronsel marca o que se perdeu —
e o que pode volver.

O nome “Ronsel do Urco” nace dunha reinterpretación dunha figura da mitoloxía galega: o Urco, un can negro xigante que xorde do mar entre néboas e ouveos, considerado tradicionalmente un presaxio de morte.Nós decidimos interpretar esa chegada non como un augurio, senón coma unha alerta. Un aviso do mar. Un sinal da natureza que xa non pode esperar máis.En lugar de fuxir do Urco, escoitámolo. Porque ese ouveo tamén fala da perda de ecosistemas, da desaparición do que antes estaba vivo, do abandono do litoral.Ese “ronsel” —a estela que deixa ao seu paso— convértese para nós nun camiño que mira cara ao futuro: un mar máis vivo, unha comunidade máis conectada co seu litoral, unha forma nova de habitalo e coidalo.Ronsel do Urco é un nome que honra o noso patrimonio cultural ao tempo que propón unha transformación: escoitar ao mar, responder coa comunidade e construír un novo vínculo co océano.